Romance de Manoel de Ribadaira
---------------------------------------

POR toda a Serra homes galgando
de noite petan Manoel Cela chamaron
MANOEL DE RIBADAIRA pros do lado
---- ----
rípanllo ós pais d´entr´os brazose
din que din que baixarond´a cabalo d´il polo REAL abaixo
din que lle prometía a escopeta dos canos
i a cadeliña nova qu´il tiña insinado
e que non volvería aprovencer en anos
que lle xancen un dedo pra levarllo
en proba ós que mandaron matalo
---- ----
pasaron SAVANE e Meiraos de largo
poucos o viron todos se ciaron
a avistar Teixeira fixeron alto
xunto a cova grande escolleron campo
volteou no aire o primeiro disparo
houbo logo un segundo un terceiro e un carto
guindárono ó fondo sin rematalo
botaron tras d´il seixos e lanchos
algo viron e ouviron pastores do gado
e trougo recado a probe co saco
---- ----
foi o concello de PARADA sacalo
tuveron que pór dous liames atados
preso da cintura baixa seu pai imbaixo
atao con fibelas e lazos cruzados
soben a Manoel morto logo ó pai de anos
---- ----
pórtano en andas polo monte lampo
atarvesan lugares por un foco despanto
marcados pasos apelotonados
o que foi a pé é en andas tornado
hastra SAVANE e tral´o adro
---- ----
volta REAL arriba concello calado
todos co mesmo silencio cargados
a PARADA chegan estase agardando
didiante da casa o pobo acircado
eilí vin eu nino de seis anos
da mai i as irmás o pranto máis alto
ata que unha a unha se foron esmaiando
---- ----
din que eran catro os que o pasearon
que todos iles morreron arrabeados
catro eran son nomes que calo
comprense niste corenta contados

Uxío Novoneyra, "Do Courel a Compostela"

1 comentario:
Difícil ler e reler este romance do “fabuloso” Novoneyra sen esbagoar. A historia é ben coñecida por todos os courelaos, mais o poema, non é moi coñecido no Courel, a pesares de ser un clásico dos Poemas da Memoria, da Literatura Galega.
Manoel Cela era músico, moi coñecido por toda a Serra. Participaba nun cuarteto que ía de festa en festa facendo bailar a nenas e neno, mozas e mozos, casadas e casados. Por ser tan coñecido, a noticia do seu asasinato percorreu coma un lostrego todas as serras da Serra.
Manoel Cela, pertencia a unha familia de armeros, a de Ribadaira de Parada, xa de neno, con trece anos, quedara impedido para sempre, dunha das mans, ao ser atacado por un xabaril na Reboleira Grande de Ferreirós.
Politicamente, parece que pertencía a Acción Republicana, de feito estaba presente en Savane nun mitin eleitoral desta formación, durante o cal, alguén lle pegou un tiro a un dos candidatos mentres interviña. Manoel, levaba un brazalete do partido (daquela non había pegatas), e axudou a trasladar o ferido nunha escada ata Quiroga.
Parece que foi a súa participación no mitin portando o brazalete e o auxilio ao ferido, o que precipitou as iras da Extrema Dereita Courelá, que dende aquela non descansaron ata que conseguiron a “ocasión”.
Foi durante a Guerra, e mentres desfrutaba dun permiso en Parada, cando a panda de “matóns” o foi buscar a casa de noite. Os falanxistas estaban liberados de acudir ao Frente, e adicábanse a percorrer o Courel, matando, roubando, acosando, ..... mentras os mozos e os casados de ata trinta e pico estaban na contenda. Despois das reiteradas protestas de algúns familiares de represaliados no Courel, os falanxistas foron enviados ao Frente, e sábese que foi alí, onde un sarxento coñecido de Manoel, nada máis identificar a un dos matóns do Courel, agarrouno polo pelo e meteulle un tiro nun oído.
Uxío, tiña seis anos, os mesmos que Eliseo, un dos irmáns de Manoel, e con esa idade xa sabía gardar un segredo, mentres isto pasaba fora da súa casa: dentro vivía refuxiado, dende o 36, o seu tío, o alcalde democrático do Courel.
Publicar un comentario